Hoxe o alumnado de 1º BAC mantivo un encontro con Inma López Silva, profesora na Escola Superior de Arte Dramática, investigadora e crítica teatral, columnista habitual na prensa e escritora con numerosos títulos. A conversa xirou arredor da muller como escritora, do trato discriminatorio cara á muller aínda presente no mundo artístico, de como as mulleres non debemos asumir o noso rol de colaboradora secundaria, senón dar o paso e asumir o papel de protagonista, de como hai que empregar a palabra poder non só como substantivo, senón como verbo.

Na obra como escritora de Inma López Silva ten unha forte presenza o ensaio feminista -como Chámame señora, pero trátame coma a un señor– e na súa obra literaria de ficción non esquiva tampouco o tema da posición das mulleres na sociedade patriarcal: mulleres que sofren distintas opresións e violencias -mulleres abusadas, violadas, prostitutas, mulleres mulas- e mesmo mulleres que participan do sistema reproducindo todo o sistema machista que a autora denuncia. Aproveitamos a súa visita ao noso instituto para recomendarmos a súa última novela 👉 O libro da filla, da que tedes varios exemplares na nosa biblioteca.
Benvida, Inma López Silva, ao noso grupo de #Mulleresqueinspiran.
Deja una respuesta